Monday 06 de May de 2024

Lousame aproba por unanimidade o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres e a clasificación do SAF dependencia


 

A empresa Sanamede ten un prazo de 10 días hábiles para presentar toda a documentación para prestar as 30.000 horas anuais de SAF

A unanimidade caracterizou o pleno extraordinario celebrado na noite de onte venres en Lousame no que PP, PSOE e BNG aprobaron o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres PIOHM 2020-2024 e a clasificación final das empresas que optan á licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “o primeiro PIOHM se fixo en 2005 e grazas a el conseguimos moitos avances neste ámbito, pero era necesario seguir avanzando e facelo máis participativo e aberto a contactar con outras áreas para que sexa máis transversal”. Así, o novo Plan, que terá vixencia ata o ano 2024, “fai fincapé en áreas como a información e sensibilización, a loita contra a violencia de xénero, a educación en igualdade, o empoderamento feminino, a conciliación, o benestar social, o emprego ou a corresponsabilidade no fogar”, apuntou a alcaldesa.

O III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres de Lousame foi aprobado sen debate polos tres grupos municipais, que se comprometeron a crear unha comisión interdepartamental para impulsar a aplicación das accións recollidas no plan.

SAF Dependencia

Acto seguido, o pleno aprobou a clasificación final das empresas aspirantes á licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes, encabezado pola firma Sanamede SL, así como requirir a esta empresa para que no prazo de 10 días hábiles presente a documentación requirida no expediente de contratación. Un expediente cuxo prezo de licitación ascende a 547.443,44 euros por un período de 12 meses, non prorrogables, para a prestación dun total de 30.000 horas de servizo, un 40% máis sobre as 21.400 contempladas na anterior licitación.

O prego de condicións valoraron sobre todo a calidade do servizo que recibirán as persoas dependentes de Lousame, que supuxo o 60% da puntuación total, á vez que o peso dos criterios económicos baixaron ata o 40% da valoración. Na contratación previa esta proporción era do 51% para as condicións do servizo e do 49% para o seu custo económico. Unha vez aplicados estes criterios, a empresa Sanamede SL quedou en primeiro lugar, cunha puntuación de 78,89 puntos, seguida por Son a túa axuda SL (70,27), Idades SL (66,39), Servicios Sociales Ulla-Sar SL (64,14) e Fundación para el estudio y la promoción de la accion social FEPAS (64,14 puntos).

No turno de intervención, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, indicou que como o Concello de Lousame vén de elaborar unha Bolsa de Emprego para o SAF, “para o próximo exercicio esperamos que haxa a posibilidade de xestionalo desde o Concello”. Unha proposta que foi desestimada pola alcaldesa xa que “a bolsa de emprego que se creou non é para o SAF Dependencia, que é o que aprobamos hoxe aquí, senón para o SAF de Libre Concorrencia, para poder realizar contratacións laborais temporais para cubrir as baixas das persoas que traballan no servizo”.

De feito, a propia licitación do SAF Dependencia inclúe un Informe de Insuficiencia de Medios no que se explicita que “o Concello non conta con persoal adecuado suficiente para facer fronte ao volume de traballo que a prestación do servizo de axuda no fogar require. Por outra banda, o Concello tampouco conta cos medios materiais axeitados para levar a cabo a prestación do servizo”.

A proposta foi finalmente aprobada co voto a favor do PP, PSOE e BNG, que non fixo uso da quenda de palabra en ningún dos dous puntos.